Ferrol acollerá dúas manifestacións
diferentes na folga contra a Lomce.
Actualizado 05 Maio 2013 -
imaxe dunha das manifestaciones de alumnos contra la lomce o pasado mes de febrero l.p.
Sindicatos de profesores, colectivos estudantís e asociacións de pais e nais de alumnos convocaron para o vindeiro xoves día 9 unha xornada de folga en todos os niveis do ensino público para protestar, unha vez máis, pola reforma educativa -a Lomce (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa)- impulsada polo ministro de Educación, José Ignacio Wert, e en contra dos recortes no ámbito do ensino.
En Ferrol, do mesmo xeito que noutras cidades galegas, a xornada reivindicativa contempla dúas manifestacións diferentes, as convocadas polas dúas plataformas que desde hai meses aglutinan a colectivos de profesores, alumnos e pais e outras asociacións en defensa da educación pública: a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e a Plataforma en Defensa do Ensino Público.
A primeira, integrada por sindicatos como a CIG e STEG, federacións de Anpas como a de Ferrolterra, formacións políticas como BNG ou Galiza Nova e outros colectivos estudantís e de renovación pedagóxica, convocou para a xornada do xoves manifestacións en nove cidades e localidades da comunidade galega, previstas para as 11.30 horas. En Ferrol, a marcha partirá do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, situado na Praza de España.
As mobilizacións en contra da reforma do ministro Wert e dos recortes en educación terán lugar o vindeiro xoves día 9
Este será tamén o punto de partida -aínda que neste caso pola tarde, a partir das 19.30 horas- da mobilización convocada pola Plataforma en Defensa do Ensino Público, na que están integrados os sindicatos de CCOO-Ensino, FETE-UXT e CSIF, a Confederación de Anpas de centros públicos de Galicia, o Sindicato de Estudantes, Iesga e Escola Viva. Neste caso, e aínda que nun principio só fixáronse catro manifestacións provinciais, finalmente o calendario incluíu tamén á cidade ferrolá.
Tal e como se informou desde esta plataforma, escolleuse o horario de tarde para as marchas "para facilitar ás nais e pais do alumnado, que son convocantes desta xornada de folga, a asistencia ás mesmas".
A pesar de que, unha vez máis, non haberá unión á hora de levar a cabo as mobilizacións, fontes das dúas plataformas destacaron o feito de que, por primeira vez, a folga sexa convocada por todas as partes implicadas no proceso de ensino, é dicir, profesores, alumnos e pais e nais.
- Sindicato de estudantes
Ante a inexistencia dunha manifestación unitaria, o que, segundo din "sería moito mellor para a loita contra a Lomce", a delegación galega do Sindicato de Estudantes decidiu apoiar as dúas convocatorias fixadas para o vindeiro xoves. Este colectivo estudantil considera que "xa que os obxectivos das dúas plataformas son os mesmos, sería moi positivo para a loita en defensa do ensino público, a unificación de ámbalas dúas", polo que, mentres isto non se consiga, o Sindicato de Estudantes seguirá sendo membro das dúas, segundo afirmaron.
Nas últimas semanas, os diferentes sindicatos e colectivos han ir programando e celebrando diferentes sesións informativas e debates nos centros educativos da cidade con obxecto de achegar algúns dos aspectos máis polémicos do anteproxecto de lei que proximamente será remitido ao Consello de Ministros para a súa aprobación como proxecto de Lei e a súa remisión ao Congreso dos Deputados.
Diario de Ferrol.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario