jueves, 5 de julio de 2012

Axudas libros..


 O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.
Unha vez implantado o programa de préstamo de libros de texto en todo o ensino obrigatorio, foi preciso revisalo e adaptalo á realidade social. Así pois, á vista da conxuntura económica actual, no curso escolar 2009/2010 resultou necesario facer unha reforma do sistema nalgúns cursos, de xeito que se beneficien da gratuidade as familias con menos recursos.
Neste sentido, e en consonancia coa política de austeridade do Goberno da Xunta de Galicia, continuarase nesa liña mediante a convocatoria de axudas para a educación primaria e a educación secundaria obrigatoria, así como para educación especial.
En exercicio das competencias atribuídas no Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 24 de xaneiro),
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto da convocatoria e procedemento.
O obxecto desta orde é convocar axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, en educación secundaria obrigatoria ou en educación especial en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, no curso escolar 2012/2013.
Esta convocatoria tramitarase polo procedemento establecido no artigo 19.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que polo obxecto e finalidade da subvención non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.
Artigo 2. Requisitos.
1. Para ser beneficiario desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia durante o curso escolar 2012/2013, e non repetir curso neste ano académico. Non obstante, o alumnado que repita 1.º ou 2.º de educación primaria poderá solicitar a axuda, xa que neste ciclo se emprega material que non pode ser reutilizado.
b) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Para o alumnado de educación primaria e educación secundaria obrigatoria ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 euros. Para a determinación da renda per cápita familiar terase en conta o disposto no artigo 6 desta orde.
Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes.
1. As solicitudes, segundo o anexo I á presente orde, entregaranse nos centros docentes en que estea matriculado o alumnado, segundo se indica a seguir.
Presentarase unha solicitude por cada alumno ou alumna matriculados, de xeito que, se un solicitante ten varios fillos ou fillas matriculados nas ensinanzas obxecto da convocatoria deberá presentar unha solicitude para cada un deles, xa sexa no mesmo ou en distinto centro.
2. As axudas serán solicitadas polos pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado. Por cada alumno ou alumna só se concederá unha axuda por curso escolar, con independencia de que puidese estar escolarizado sucesivamente en dous ou máis centros sostidos con fondos públicos no curso escolar 2012/2013.
3. O prazo de presentación de instancias será o seguinte:
a) Para o alumnado de educación primaria e educación especial: do 2 de xuño ao 2 de xullo de 2012, ambos inclusive.
b) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo ordinario: do 25 de xuño ao 26 de xullo de 2012, ambos inclusive.
c) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo extraordinario: do 1 de setembro ao 1 de outubro de 2012, ambos inclusive.
d) Para as novas incorporacións de alumnado que se produzan ao longo do curso con posterioridade aos períodos indicados, sempre que no mesmo curso escolar non estivesen matriculadas con anterioridade nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo será dun mes e contarase a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. En todo caso, o prazo para presentar a solicitude para as novas incorporacións terá como data límite o 31 de marzo de 2013.
4. Unha vez recibidas as solicitudes, o centro deberá introducir a información na aplicación informática de xestión das axudas (axudaslibros) por algún dos seguintes procedementos:
a) Recuperando a información da matrícula do alumnado no sistema Xade. Neste caso, se o alumno xa estivese matriculado, o sistema recuperará os datos asociados ao NIF/NIE da persoa solicitante existentes en Xade e deberá completarse cos datos indicados na instancia presentada.
b) Iniciando unha solicitude nova en branco e cubrindo todos os datos indicados na instancia.
En todo caso, o centro que tramite deberá completar toda a información requirida polo sistema segundo os datos indicados na instancia e comprobar que a documentación estea completa.
5. Unha vez que a solicitude estea introducida no sistema, este permitiralle ao centro educativo a xeración dun vale, segundo o modelo establecido como anexo II a esta orde, que será selado e asinado polo director ou directora do centro e entregado á persoa solicitante. Só se poderá entregar un vale por cada alumno ou alumna.
6. Transcorrido o prazo de tres meses desde o día seguinte ao da presentación da solicitude sen que o centro poña á disposición da persoa solicitante o correspondente vale, esta poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, de conformidade co artigo 44.1.º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para os efectos de interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
7. Os centros docentes prestarán asesoramento ás persoas interesadas para que cubran as solicitudes de xeito correcto en todas as súas epígrafes e acheguen a documentación requirida por esta orde.
8. Os centros concertados, que actúen como entidades colaboradoras na xestión das axudas, terán que cubrir e asinar o anexo III, que será arquivado no centro xunto coas solicitudes, quedando suxeitos ao establecido nesta orde.
Artigo 4. Solicitudes e documentación.
1. As instancias poderán obterse nos centros, nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria e tamén se poderán descargar en formato pdf do portal educativo no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es
Unha vez cuberta a solicitude deberán presentarse, xunto coa documentación segundo se indica no artigo 3 desta orde, debidamente asinada polo pai, a nai ou titor/a do alumnado. Todo isto sen prexuízo da sinatura por parte do resto dos membros da unidade familiar que obteñan ingresos, excepto nos supostos de separación ou divorcio, nos cales poderá omitirse a sinatura do proxenitor que non teña a custodia do menor.
A aplicación informática para a xestión das axudas tamén permitirá a xeración da solicitude unha vez introducidos os datos polo centro.
2. Xunto coa solicitude presentarase orixinal e copia da seguinte documentación, co fin de que a persoa que a reciba poida verificar a autenticidade da copia e devolva os orixinais.
Alumnado de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.
a) Libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar.
No caso de non ter libro de familia ou se a situación familiar, en día 31 de decembro de 2010, non coincide coa reflectida no libro, terá que presentarse documento ou documentos acreditativos do número de membros da unidade familiar, tales como:
1. Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou o convenio regulador onde conste a custodia do causante.
2. Certificado ou volante de convivencia.
3. Informe dos servizos sociais ou órgano equivalente do concello de residencia que acredite a situación familiar.
b) No caso de discapacidade dalgún dos membros da unidade familiar incluídos na solicitude deberá presentarse un dos seguintes documentos que acrediten esta circunstancia en 31 de decembro de 2010:
1. Certificado emitido polo órgano competente do grao de minusvalidez cunha porcentaxe igual ou superior ao 33%,
2. Resolución ou certificado emitido pola Seguridade Social de pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou
3. Documentación acreditativa da condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
c) No caso de situación de violencia de xénero no ámbito familiar: documentación acreditativa.
O alumnado de educación especial unicamente deberá presentar a solicitude de axuda, e non será necesario xuntar ningunha documentación.
O alumnado cunha minusvalidez igual ou superior ao 65%, só ten que presentar a certificación emitida polo órgano competente do grao de minusvalidez cunha porcentaxe igual ou superior ao 65%, xunto coa solicitude da axuda.
3. A documentación que se achegue deberá ter validez no momento da presentación da solicitude.
4. O centro educativo poderá requirir das persoas solicitantes, en calquera momento, aclaración da documentación presentada.
Artigo 5. Contía das axudas.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aboará as axudas ás persoas solicitantes que reúnan os requisitos previstos nesta orde, nos seguintes importes por alumno ou alumna e curso, segundo a renda per cápita familiar no ano 2010:
–Educación primaria:
• Familias monoparentais:
-Renda per cápita familiar ata 6.000,00 euros: 170 euros.
-Renda per cápita familiar desde 6.000,01 ata 9.000,00 euros: 90 euros.
• Resto das familias:
-Renda per cápita familiar ata 5.400,00 euros: 170 euros.
-Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000,00 euros: 90 euros.
Educación secundaria obrigatoria:
• Familias monoparentais:
-Renda per cápita familiar ata 6.000,00 euros: 180 euros.
-Renda per cápita familiar desde 6.000,01 ata 9.000,00 euros: 104 euros.
• Resto das familias:
-Renda per cápita familiar ata 5.400,00 euros: 180 euros.
-Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000,00 euros: 104 euros.
No caso de que nunha mesma unidade familiar existan varios alumnos ou alumnas que reúnan os requisitos para seren causantes destas axudas, percibirase a contía que corresponda por cada un deles, segundo o establecido nesta convocatoria.
O alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha minusvalidez igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos desta orde recibirá un importe de 250 euros, con independencia da renda per cápita familiar.
Os menores que se encontren en situación de garda, tutela ou atención de día pola Xunta de Galicia recibirán a axuda máxima correspondente ao ensino e curso en que estean matriculados, e non terán que acreditar os datos da unidade familiar nin do nivel de renda.
Artigo 6. Renda per cápita familiar.
1. Enténdese por renda per cápita familiar a renda familiar dividida entre o número de membros da unidade computables.
2. Para os efectos do cálculo da renda per cápita, computarán por dous os membros da unidade familiar que figurando na solicitude teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33%, que acrediten unha pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez ou que teñan recoñecida a condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.





Asemblea informativa- 5 xuño



 
Ultima Asemblea informativa no salón de actos do centro Sofia Casanova este 5 de xuño-2012.-


 






Asemblea informativa