Prensa .-
Os alumnos a partir de 3º. da ESO poderán facer folga sen autorización.
O Supremo considera que non cabe someter a autorización previa dos pais o dereito dos estudantes.
Escrito por:
valencia / efe
13 de xaneiro de 2015
O Tribunal Supremo (TS) resolveu que non cabe someter a autorización previa dos pais o dereito dos alumnos a partir de terceiro de educación secundaria obrigatoria (ESO) a decidir colectivamente a inasistencia a clase en sinal de protesta.
Nunha sentenza, a sala Terceira do TS confirma a nulidade dun decreto educativo da Generalitat valenciana que impuña esa autorización previa ao dereito recoñecido na Lei Orgánica do Dereito á Educación (LODE), no caso de alumnos menores de idade. Para o tribunal, resulta «incuestionable» que ese artigo recoñece un dereito aos alumnos (decisións colectivas de inasistencia a clase en sinal de protesta) e que o exercicio dese dereito, tal como está legalmente configurado, «non queda supeditado a ningunha autorización previa».
Rexeita así o recurso da Generalitat contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza (TSJ) valenciano, que estimou un recurso da Confederación de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos da Comunitat Valenciana Gonzalo Anaya contra o decreto, de abril do 2008, do Consell.
Na súa resolución, o Supremo defende que, calquera que sexa a valoración que a cada un lle mereza que non sexa exixible a autorización dos pais no suposto examinado, «é incuestionable que esa foi a opción do lexislador, e a ela ha de estarse».
Segundo estima, o motivo único do recurso de casación contra o fallo do TSJ, «aínda estando exposto de xeito intelixente e articulado, non pode ser acollido», dado que «o seu argumento central non é convincente».
Segundo o tribunal, someter o exercicio dun dereito (o recolleito na LODE) a previa autorización doutra persoa equivale a esixir a concorrencia de dúas vontades, co que o exercicio do dereito xa non depende unicamente da vontade do seu titular, senón tamén da vontade da persoa chamada a dar a autorización. «Isto non é o previsto no artigo 8 da LODE, con arranxo ao cal o dereito pode ser exercido pola soa vontade dos alumnos», asevera.
- La Voz de Galicia.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario