viernes, 11 de noviembre de 2011

Candidatura Consello Escolar Municipal de Ferrol.

Os alumnos elixirán a vindeira semana aos seus

representantes no Consello Escolar Municipal

    redacción > ferrol  .
  O Consello Escolar Municipal do Concello de Ferrol dará a vindeira semana un novo paso de cara a súa constitución coa celebración dunha reunión no Concello pola que os representantes dos alumnos dos diferentes institutos da cidade elixirián aos catro membros que formarán parte deste órgano de consulta. Desde o propio goberno local informouse onte que a maioría dos centros de Educación Secundaria xa responderon coas súas propostas ás cartas remitidas desde a área de Educación para decidir o nome dos seus representantes.

Así mesmo, o executivo ferrolán levará ao pleno de fin de mes, para a súa aprobación, a composición das dez persoas designadas polo Concello para formar parte do Consello Escolar, e da que xa se informou na comisión do pasado 28 de outubro.

Así, ademais de catro concelleiros (un por partido político –Susana Martínez Galdós (PP), María López (PSOE), Javier Galán (EU) e Mercedes Tobío (BNG)– xa que Juan Fernández, de IF, renunciou), haberá un representante das Asociacións de Veciños, dous directores de colexios públicos (un de Primaria e outro de Secundaria), un director de colexios concertados, un representante do Centro de Formación e Recursos (CFR) e un representante das asociacións de renovación pedagóxica.

Completarán o devandito órgano de consulta o presidente –que pode ser o alcalde ou a concelleira de Educación–, dez profesores, seis membros das Anpas e catro alumnos, o que suma un total de 31 persoas.

Sofía Casanova .-

 Por outra banda, a ANPA do IES Sofía Casanova de Ferrol rexistrou un escrito dirixido ao alcalde para presentar a candidatura da presidenta desta asociación, María Carmen Díaz Corral para formar parte do Consello Escolar Municipal. “Pedimos a súa admisión por razóns que se deben a un instituto de nivel B debido ao volume do seu alumnado, que na actualidade supera os 600 alumnos”, manifestaron desde a ANPA.

Así mesmo, a entidade amosou o seu apoio á reivindicación deste instituto na necesidade de destinar un especialista en Pedagoxía Terapéutica para atender as necesidades existentes no instituto, e sinalan tamén como un tema a tratar no Consello Escolar Municipal a recuperación de cinco inspectores que antes había nesta zona, e que tralos recortes quedou reducido na actualidade a tres.

Desde esta ANPA tamén solicitan aos membros do devandito órgano consultivo “a súa implicación e compromiso de asistencia para non repetir o escandaloso desinterese amosado por algúns membros de distintas entidades e sindicatos”, criticaron.

Diario de Ferrol.-

miércoles, 9 de noviembre de 2011

Xuntanza DIRECCIÓN e ANPA do I.E.S Sofía Casanova.-


A directiva da ANPA do IES Sofía Casanova avalía as necesidades coa dirección

Diario de Ferrol-2011-11-09-010-84925564
 
redacción > ferrol
  A nova directiva da ANPA do IES Sofía Casanova, constituida hai apenas un mes e logo de varios anos sen contar con esta representación no centro, reuniuse onte coa dirección do instituto, encabezada por Juan Rodríguez Silvar, para intercambiar informacións e avaliar as necesidades educativas do alumnado.
A relación do plantel de profesorado ou as necesidades de apoio especiais  das que hai que dispor para ofrecer un ensino de calidade foron algunhas das cuestións que se puxeron sobre a mesa. A ANPA interesouse así mesmo polo estado das infraestruturas, solicitando os informes necesarios para analizar a situación actual das mesmas. Neste sentido, anunciaron tamén o compromiso da Asociación de Nais e Pais de Alumnos de ofertar varias actividades culturais e deportivas como complemento da educación do alumnado para o cal agardan a colaboración de toda a comunidade educativa.

Por outra banda, a ANPA amosouse en certo modo sorprendida polo “repentino interese” da Xunta de Galicia polas cafeterías escolares, “polo que sospeitamos que fará as concesións de forma discrecional”, explicaron. A posibilidade de pedir o compromiso da Administración autonómica para a instalación de taquillas  no instituto, que este ano viu incrementado o seu número de alumnos polos cambios executados pola Consellería de Educación na área da Formación Profesional, é outra das propostas dunha ANPA moi preocupada tamén pola sinalización no entorno no que está ubicado este e outros centros, como o CIFP Ferrolterra ou o CEIP Recimil. “Falta sinalización escolar, e fai falta unha máis clara e eficaz para unha maior protección dos nenos”, denunciaron, polo que van pedir a intervención do Concello ferrolán para conseguir este obxectivo.
 A xunta directiva da recén creada ANPA está constituida por María Carmen Díaz Corral (presidenta); José Manuel Esteban Acebo (vicepresidente); Xosé Manuel Sanxoán (secretario); Montserrat Moreda (tesoureira); África García e Mónica García (vogais).

Diario de Ferrol

martes, 8 de noviembre de 2011

CONCURSO DESEÑO LOGO


CONCURSO  LOGO 

  Estimados/as alumnos/as:
   A ANPA do IES Sofía Casanova quere estrear a súa actividade solicitando a vosa colaboración para atopar un logotipo que o represente.
Gustaríanos aproveitar a ocasión para achegarvos o noso desexo de acoller de aquí en adiante as propostas que teñades para a ANPA e que fagan que o IES Sofía Casanova sexa un centro do que todos podamos sentirnos orgullosos.
Obxectivo:
Deseño dun logotipo para a ANPA do IES Sofía Casanova que pódase usar en calquera tipo de soporte, xa sexan  misivas, cartas, blog, carteis, selos,…
Consellos:
O único texto que pódese incluír no deseño do logotipo é “ANPA IES Sofía Casanova” ou “ANPA”. Aconséllase sinxeleza, que sexa lexible en tamaño pequeno e un colorido (no caso de telo) que permita a impresión en branco e negro.
Premio:
Un vale de 50 Euros para trocar por aparellos ou prendas deportivas.
Bases do concurso:
-Pode participar calquera alumno/a do centro.
-O deseño do logotipo presentarase en formato DIN-4.
-O nome, apelidos e curso do participante ten que indicarse no reverso do deseño.
-Os participantes deixarán as súas propostas no buzón da ANPA.
-O último día de recollida de propostas será o venres 18 de novembro.
     Recibide os nosos mellores saúdos ...e sorte.

- A directiva.-