lunes, 6 de agosto de 2012

Maior sobresaínte de Galicia- Andrea - Alumna do Sofía.

“Os meus soños son traballar no CERN de Xenebra ou na Axencia Espacial Europea”

Diario de Ferrol.-
Diario de Ferrol-2012-08-06-005-f77b6237
entrevista j. gómez .

É a alumna máis sobresaínte de Bacharelato de toda Galicia. Cunha puntuación final de 29,4 puntos sobre 30 posibles, a xa exalumna do IES Sofía Casanova de Ferrol –e antes do CEIP Manuel Masdías de Caranza– Andrea Mosquera Alonso obtivo a mellor puntuación dos máis de 550 estudantes deste nivel educativo de toda a comunidade autónoma que se presentaron ás probas.
Os premios, 1.000 euros e mais a exención de pagar as taxas da matrícula o vindeiro curso, que realizará na Universidade Carlos III de Madrid na procura de cumprir os seus soños.

Seméllanse as probas do premio extraordinario ás da Selectividade?

As probas non teñen nada que ver coa Selectividade, que é unha proba do nivel de coñecemento que un adquire en Bacharelato. No premio extraordinario asúmese que todos temos ese nivel de coñecemento, logo búscase algo distinto. Son, iso pareceume a min, probas de madurez e pensamento crítico.

En que consistiron?

O premio está dividido en tres probas; unha de análise e comentario de textos, outra de idioma e outra dunha materia de modalidade. Eu neste caso elixín Química, pois fixen o Bacharelato de Ciencias.

Que parte foi a máis difícil?

A de análise de textos. Pregúntanche figuras estilísticas e retóricas, resumo, mensaxe que quere transmitir o texto, o tema... Valoran moito a capacidade de síntese e tamén piden un comentario crítico, que non só é para min a parte máis complicada senón tamén a que máis puntúa, a metade do exame. O problema que lle vin é que o comentario crítico non sabía ben como enfocalo porque, ao ser moi subxectivo, descoñeces que criterios van seguir na corrección. A proba de idioma tampouco era moi habitual, con exercicios de léxico e gramática e unha pequena descrición dunha persoa que che marcase dalgún xeito. A materia específica, pola súa parte, era máis dura que a de Selectividade, pero xa sobre os contidos do curso.

Cal era o comentario de texto?

Falaba da estrea no Palacio da Ópera da Coruña dunha sinfonía sobre “Negra sombra” e pedían a opinión persoal de cada un sobre como como conservar a cultura galega. É un tema moi subxectivo e eu intentei situarme no centro: defendín que había que manter un equilibrio entre a cultura rexional e a globalización e puxen o exemplo de EEUU, onde pasei o curso pasado becada polas fundacións Barrié de la Maza e Amancio Ortega.

Como resultou a experiencia?


Moi ben. Estiven no medio da nada, en Montana, un Estado rural onde os haxa, co tamaño de España e un corentavo da súa poboación. Eu estaba no medio das Montañas Rochosas nunha vila de 1.500 persoas.

Estudiaches moito para as probas?


Nada. Tampouco contaba con sacar esta nota, pois ía máis ben a ver o que pasaba...

Que vas estudar agora?


Vou facer Enxeñaría Aeroespacial na Universidade Carlos III de Madrid. É un grao que ofrecen moi poucas universidades en España e esta ofréceo en inglés, o que me dá unha perspectiva máis internacional. Despois de ter pasado o curso anterior fóra, aspiro a traballar noutros países. Teño dous soños paralelos que son poder traballar no CERN, en Xenebra, ou na Axencia Espacial Europea. É realmente complicado, pero vou traballar para acadalo.

Logo, visto o visto, non será un obstáculo para ti estudar fóra de casa...


Non é un obstáculo porque teño esa experiencia de estar fóra e eu sempre fun moi botada para diante no sentido de querer saír e ver mundo. Porén, si me dá medo, pois non coñezo a ninguén alí, Madrid é unha cidade inmensa. Pero creo que iso lle pasa a todos os que comezan na universidade esa nova etapa. De todos modos, estou moi ilusionada co que está por vir.

Diario de Ferrol.-