Ferrol
«Pódese voltar á educación elitista»
Xan Rodríguez Silvar, nunha fotografía tomada onte nas aulas do Sofía Casanova. césar toimil
Xan Rodríguez Silvar (Ferrol, 1953) xa non exercerá a docencia o próximo curso, despois de 35 anos de traballo, 34 deles no Sofía Casanova. Foi director do centro en tres etapas, a última dende o 2004 ata a actualidade.
-Quedará nostalxia despois de tanto tempo...
-Unha sensación un tanto extraña. Porque tes unha implicación durante tantos anos con algo tan especial como é un centro educativo. Vas vendo cambios, melloras... Non sei, é deixar algo que sentes como moi propio, unha sensación de pertencia a un proxecto.
-¿Cales foros os principais cambios en todo este tramo?
-O principal é o cambio de percepción das necesidades do alumnado. Antes impartíase docencia e títulos e, agora, ademais de facer iso, aténdense outras necesidades do alumnado. A educación está moito máis preto das características persoais do alumno.
-¿É peor o alumnado de agora?
-Hai xente que opina que si, pero eu discrepo. Hai que ter en conta que os rapaces pasan a adolescencia no centro e saen xa como homes e mulleres bastante maduros. Antes era un "compóñete como podas" para ir saltando barreiras do sistema educativo. Agora, como xa dixen, é todo moito máis persoalizado... Eu non creo que o alumnado sexa peor agora.
-¿Está preocupado polo sistema de educación pública?
-Estou francamente preocupado. As políticas que se están a aplicar poden provocar unha deriva nada positiva. Agora parece que só temos que traballar a excelencia... Dende logo, hai que traballar a excelencia, pero non se fala da homoxenización cultural e social que se consigue nos centros, o que é todo un logro.
-¿Pódese voltar a unha educación de corte elitista?
-Pódese voltar a unha educación elitista. A lei que se propón, dende logo, facilita moito máis iso que o contrario. De tódolos xeitos, e independentemente da lei, estamos asistindo a un continuo recorte de recursos para o mantemento dos centros, a renovación de infraestructuras, a sustitución do profesorado... É tamén algo que resulta moi preocupante.
fonte
- La Voz de Galicia