sábado, 7 de diciembre de 2013

Cociña solidaria.-





         Estimadas familias.-
 
     Esta ANPA  e a dirección do IES Sofía Casanova están organizando unha recollida de produtos e alimentos para a Cociña Económica nesta campaña do Nadal.
 
     Solicitamos a vosa colaboración solidaria co fin de aportar produtos de primeira necesidade,  almorzos e merendas infantís,  como manteiga, galletas, cacaos, marmeladas,, chocolates ..etc , outros como aceites, latas, pastas,  alimentos propios de bebes, así como produtos típicos do Nadal.
 
     Esta ANPA reivindica a equidade e xustixa social en canto a dereitos cidadás polo que rexeitamos a caridade como método e solución. Apelamos a vosa comprensión, xenerosidade e solidariedade nestes tempos chegados de inxustizas e desesperanzas...
 
      Podedes eviar produtos a través de vosos fillos e fillas aos carros da entrada de noso instituto ate o día 19 de dembro.
 
 
 Ferrol, a 5 de Decembro de 2013.-
 
CONTAMOS COA VOSA COLABORACIÓN.
 
SAÚDOS - MOITAS GRAZAS.-
 
 

Biblioteca - Lectura adultos-

Diario de Ferrol
                                  
Impulso á biblioteca do IES Sofía Casanova a través da incorporación ao Plambe da Xunta

REPORTAXE P.C.R. |                                    
01 Diciembre 2013 -                             
 

 
                                        
Era unha vella arela do centro e este ano puido converterse nunha realidade. A incorporación da biblioteca do IES Sofía Casanova ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) da Xunta está a permitir ao centro dar un importante pulo ás actividades programadas desde o devandito espazo.

O esforzo e traballo dos profesores implicados –preto dunha vintena–, está a resultar fundamental á hora de dinamizar unha biblioteca que "nun só ano cambiou máis que en décadas". Un cambio que ademais chega no curso no que se celebrarán os 50 anos de vida do instituto "feminino", unha efeméride que servirá para articular algunhas das propostas que xa se están a preparar para os vindeiros meses.

     Outras deron xa comezo, como o clube de lectura xuvenil –no que participan medio cento de estudantes– ou o de adultos, que se puxo en marcha por vez primeira, e con grande éxito, o pasado mes de outubro. Neste caso, a iniciativa está dirixida a  ex alumnos, nais, pais e profesores.
Tamén se desenvolve a "Hora de ler", a través da cal, e durante 20 minutos ao día, os alumnos poden ler "por pracer". A proposta comezou este curso cos de 1º de ESO.
 

     O IES Sofía Casanova optou ao Plambe da Xunta co seu proxecto titulado "Tesouros novos e vellos. Unha nova biblioteca na nosa vella biblioteca", incorporando tamén como lema unha frase da adaptación cinematográfica da obra "O Gatopardo", do italiano Giuseppe Tomasi di Lampedusa, e que reza "Se queremos que todo siga igual, é preciso que todo cambie".

    E ese é, precisamente, o espírito co que o equipo de docentes está a traballar co obxectivo de potenciar a biblioteca como "un instrumento para a integración da cultura impresa e dixital nas intervencións do profesorado e na aprendizaxe do alumnado", sinalan. Tamén para que sexa un recurso para fomentar a alfabetización mediática-informacional e a educación documental e para permitir un acceso igualitario aos recursos culturais, converténdose así un factor de compensación social e cultural.

     A inclusión no Plambe da Xunta permitiralles ademais dar cumprimento a aspectos que por falta de financiamento quedaron pendentes así como optimizar todo o avanzado. No curso actual, o centro recibirá un total de 5.450 euros (1.000 para fondos -na actualidade hai uns 18.000–,  4.000 para mobiliario e equipamento e 450 para gastos de funcionamento).
 formación.

 Tal e como informaron as profesoras Ana Seco e Pilar Berrio, o equipo da biblioteca artéllase arredor dun Seminario Permanente asesorado polo Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ferrol e que arrancou o pasado mes de novembro coa celebración de tres sesións de docencia sobre "Lectura dixital, libro electrónico e bibliotecas", a cargo de Carlos López Ardao.
 
aniversario.

 Un dos "pratos fortes" da programación da biblioteca para o presente curso serán as actividades relacionadas co aniversario do instituto. Así, está previsto a elaboración da historia do centro así como algún traballo sobre a figura que lle dá nome, Sofía Casanova. En todo caso, e ao longo dos vindeiros meses, a mascota da biblioteca, "Socas" –cuxo autor foi Adrián Rodríguez, alumno do centro ata o ano pasado–, encargarase de ir anunciando calquera novidade dunha biblioteca que inicia unha nova andaina para compartir experiencias e, de paso, "facer algo de biblioterapia" nesta sociedade da información e da comunicación.
 
Diario de Ferrol.-