Ferrol
Centenares de persoas saen á rúa
para rexeitar a Lomce
Os sindicatos cifran nun 90% o seguimento do alumnado
Jose Pardo
Centenares de persoas asistiron esta mañá á manifestación convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Os sindicatos cifran nun 90% o seguimento dos alumnos, e nun 70% o de profesores de primaria e un 40% en secundaria, aínda que son datos provisionais. Na marcha, que partiu do edificio administrativo da Xunta, participaron centenares de persoas que levaron diferentes pancartas de rexeitamento á Lomce e tamén ao decreto dos comedores escolares.
Pola tarde, a Plataforma en defensa do Ensino público convoca outra manifestación, ás 19.30 horas.
La Voz de Galicia.-
- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -
Milleiros de personas esixen en Ferrol
a retirada da Lonce
Actualizado 09 Maio 2013 -
Manifestación da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, esta mañá pola rúa Real
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público cualificou de "éxito total" a resposta por parte da comunidade educativa da cidade e comarca na manifestación celebrada esta mañá en contra la Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce) impulsada polo ministro de Educación, José Ignacio Wert e na que participaron unhas 3.500 persoas, segundo os convocantes.
A acción reivindicativa enmarcouse na xornada de folga no ensino convocada por primeira vez de forma conxunta por profesores, estudantado e familias, unha folga que na zona de Ferrolterra, e a falta dos datos definitivos, foi secundada de forma masiva polo alumnado e en menor medida polos docentes.
A manifestación desta mañá, convocada pola Plataforma Galega da que forman parte sindictos como a CIG-Ensino ou STEG, o Sindicato de Estudantes, a Federación de Anpas de Ferrolterra ou formación como o BNG ou Galiza Nova, partiu desde o Edificio Administrativo da Xunta na Praza de España para continuar cara a Amboaxe e rematar en Armas. Alí, o presidente da Federación de Anpas de colexios públicos de Ferrolterra, Javier Sánchez, leu un manifesto no que esixiu, unha vez máis, a retirada dun anteproxecto de lei que cualificou de "reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional e que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade".
Xa esta tarde saiu da praza de España a manifestación convocada neste caso pola Plataforma en Defensa do Ensino Público, da que forman parte CCOO, UGT, Confapa, o Sindicato de Estudantes, Iesga e Escola Viva. A mesma contou coa presencia tamén dunhas 3.500 persoas e rematou en Armas coa lectura dun comunicado no que se rexeitou a reforma porque non mellora a calidade do ensino, chega "por imposición ideolóxica", vai facer "alumnos de primeira e de segunda" e vai limitar os dereitos da comunidade educativa, "entre eles os de participación, liberdade de expresión e reunión", entre outras cousas.
Diario de Ferrol.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario