lunes, 15 de mayo de 2017

Información sobre Xornadas ANPAS GALEGAS ao redor da innovación educativa


Asunto: Información sobre Xornadas ANPAS GALEGAS ao redor da innovación educativa



Bo día a tod@s

Como xa todas/os sabemos, un dos obxectivos da Confederación ANPAS GALEGAS (Confederación na que a nosa Federación está integrada) é a implantación dun modelo educativo que verdadeiramente estea pensado para que as nosas fillas e fillos dispoñan da mellor formación posible, un modelo educativo que verdadeiramente atenda á diversidade do alumnado e considere esa diversidade como unha riqueza e non como un problema económico. Un modelo educativo que persiga unha verdadeira rendibilidade social e non se vexa condicionado pola tan manida rendibilidade económica, en definitiva un modelo educativo cuxo obxectivo principal sexa formar persoas para unha sociedade mellor e non man de obra (mais ou menos cualificada) para un determinado sistema económico.

Na Confederación ANPAS GALEGAS opinamos que o primeiro paso para acadar ese lexítimo obxectivo, é necesario concienciar ás familias de que ese modelo educativo é tan real como posible, que ese modelo educativo é un DEREITO das nosas filas e fillos e non unha "limosna" que "graciosamente" nos concede que goberna.

É por iso que a Confederación ANPAS GALGAS adica un importante esforzo á organización de xornadas dirixidas ao conxunto da comunidade educativa e, sobre todo ás familias, onde a través de distintas experiencias e relatorios de profesionais cualificadas/os, se evidencia a posibilidade real de ese modelo educativo alternativo.
Nesa liña o vindeiro sábado día 20 de maio, celébrase en Nigrán (Pontevedra) unha xornada que demos en chamar "ACTUALIZÁNDONOS, xornadas de ANPAS GALEGAS ao redor da innovación educativa na escola pública".

Todas aquelas/es que teñades interese en asistir a estas interesantísimas xornadas estades convidadas/os, a Federación de ANPAS do Valminhor (encargada desta volta de facer o traballo mais duro, ou sexa a organización) creou unha páxina web onde ven perfectamente detallado todo o necesario para a participación e os servizos que se ofertan (espazo de crianzas, xantar e incluso lugares onde aloxarse se alguén pensa en pasar un par de días agradables nesa incrible comarca galega). O enlace é:

O sitio web das xornadas é: http://xornadasanpasgalegasvalminhor.org/

Como podedes comprobar ó único que temos que pagar é o xantar (custo da materia prima) e o aloxamento daquelas/es que queiran quedarse, xa que as xornadas rematarán sobre as 20:00 horas do sábado é non e preciso quedarse.
Xunto a este correo o cartaz das xornadas, o programa pódese consultar a través do enlace anterior. Espero que este correo teña a máxima difusión entre socias/os e o resto da comunidade educativa e gostaría moito dunha importante presenza de Ferrolterra nestas interesantes xornadas.

Unha aperta

Javier Sánchez, Presidente da FEANPAS


Federación Comarcal de ANPAS de Centro Públicos de Ferrolterra.

     



X ENCONTRO EN SEDES- MEDIO RURAL GALEGO - EDUCACIÓN- Vindeiro fin de semana.-

 

X ENCONTRO EN SEDES- MEDIO RURAL GALEGO - EDUCACIÓN-




     
  PRESENTACIÓN E METODOLOXÍA DO ENCONTRO  
  
   Os ENCONTROS DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL GALEGO son unha iniciativa singular de Nova Escola Galega que comeza en 2006, ano a partir do cal se teñen desenvolvido nove edicións, que retoman a xeira doutros catro Encontros realizados nos últimos anos oitenta.
 Estes foros interdisciplinares pretenden achegarlle ao profesorado, á comunidade educativa e á sociedade no seu conxunto reflexións sobre a historia, a actualidade e o futuro do medio rural galego, con especial atención ao papel que neste medio desenvolven a cultura e a educación, ben desde a propia institución escolar ou ben desde outras iniciativas de carácter socioeducativo e/ou comunitario promovidas por entidades diversas e asociacións do eido cultural. Desde os seus principios esta actividade procurou servir de espazo de encontro e confluencia de diferentes profesionais e colectivos galegos (sobre todo locais) e de fóra de Galiza, para dar a coñecer e impulsar accións a prol dun futuro sustentable para o medio rural, horizonte no que o papel da cultura e da educación adquire unha importancia estratéxica, tal e como afirman distintos organismos internacionais.  

    A escola rural, se está inserida no seu medio e é permeable á cultura comunitaria, pode ser entendida como un laboratorio pedagóxico capaz de promover experiencias de alto valor profesional para as e os docentes e moi valiosas para as comunidades onde se asenta.
 No pasado, a escola rural foi entre nós na maior parte dos casos un instrumento de destrución cultural e social e só en escasas ocasións puido ser valorada como referente cultural –ás veces, o único– de primeira magnitude. Cando isto aconteceu púidose falar de escolas comunitarias, xermolo posible do que hoxe se considera un dos patróns pedagóxicos máis ricos: as denominadas "comunidades de aprendizaxe".
 Estas experiencias contan coa potencia pedagóxica da propia veciñanza e contribúen á consecución de aprendizaxes significativas e de vivencias que axudan ao desenvolvemento integral das persoas en formación; son experiencias que desenvolven, da man da cultura e nos nosos particulares territorios de convivencia, verdadeiros espazos para a formación permanente ao longo da vida.
  
  Nesta liña de traballo atópase a comunidade  veciñal de Sedes, que tenta funcionar coma unha comunidade educativa considerando a toda a veciñanza  como suxeito e destinatario da acción socioeducativa.
 A elección de Aldea Nova como sede deste X Encontro, que nesta ocasión levará por título

NA PROCURA DUN PLAN DE EDUCACIÓN ESPECÍFICO PARA O RURAL

pretende  poñer en valor o proxecto de desenvolvemento rural no que se inspirou e, ao tempo, ofrecerlle o apoio da comunidade de educadores e educadoras rurais e persoas e colectivos defensores do rural de toda Galiza.   Tamén queremos reflexionar acerca da necesidade de proxectos de escolarización específicos para o rural, a partir dun modelo de escola integrada no medio, na comunidade local e na cultura rural: como é sabido todo proceso de desenvolvemento sociocultural e educativo necesariamente debe poñer o acento na dimensión comunitaria, e moi especialmente cando se contextualiza no medio rural. O concello de Narón pon en funcionamento nos anos 2007-2008 o parque temático do mundo rural "Aldea Nova",  un proxecto de desenvolvemento rural non produtivo, coa finalidade de que servira de impulso para formar, promover e dinamizar as zonas rurais achegadas ás zonas urbáns, cun obxectivo educacional e socioeconómico.  

   Neste senso vai tamén a proposta de retomar a pedagoxía Freinet, polo seu potencial como modelo educativo ben diferenciado e pola súa validez no actual contexto educativo en ámbitos rurais.   
   A actividade do Encontro realizarase en horario intensivo o venres 31  de marzo (pola tarde), o sábado 1 (todo o día) e o domingo 2 (só de mañá) de abril de 2017, e ao longo de todas esas horas de convivencia desenvolveranse diferentes propostas formativas (relatorios, mesas abertas, experiencias e boas prácticas educativo-rurais etc.) co seu correspondente espazo de debate e reflexión pedagóxica, pero tamén haberá tempo para analizar a importancia das relacións sociais nun contexto de despoboamento, poñer de manifesto as potencialidades económicas do rural a partir da experiencia de proxectos reais en funcionamento, debater sobre a necesidade de que o profesorado que traballa no medio rural conte cunha formación inicial e continua especializadas nese eido, así como gozar da cultura rural galega a través dalgunhas das súas variadas manifestacións: música da terra e baile, recital de poesía musicada, teatro comunitario, itinerarios e obradoiros didácticos e unha exposición de fotografías antigas e diversos obxectos etnográficos locais. 

   O grupo de educación no rural de NEG convoca pois a profesionais e estudantes dos eidos da educación ou o desenvolvemento rural, familias, ANPAS e calquera persoa preocupada polo futuro do medio rural, a participar nestas xornadas de análise, reflexión e convivencia.    
        

  OBXECTIVOS DO ENCONTRO     
 
 Constituírse como punto de encontro de todas aquelas persoas interesadas polo presente e polo futuro do medio rural galego e da súa educación. 
 Ofrecer alternativas de creación cultural, desenvolvemento comunitario, didáctica escolar e planificación educativa, centradas no medio rural. 
 Presentar o proxecto de desenvolvemento rural de Aldea Nova como referente sociocomunitario e socioeducativo dentro das zonas galegas próximas á unha cidade. 
 Configurar un grupo de acción, que coordine e integre iniciativas xa impulsadas por outros colectivos, que se mobilice e demande da administración autonómica unha mellor atención e coidado da educación na zona rural. 
 Análise da situación da escola no medio rural e procura de alternativas encamiñadas á elaboración dun plan específico de educación no rural. 
 Poñer en valor o potencial da pedagoxía Freinet na procura doutros modelos educativos, adaptados a contextos rurais.
 
Máis información Doc. AXUNTO.-


Saúdos


- Anpa .-