martes, 18 de diciembre de 2012

Mobilizacion contra reforma educativa.-

 
Protesta ante a reforma educativa
do Goberno
 


Varios centos de persoas secundaron onte en Ferrol a concentración convocada pola Plataforma en Defensa do Ensino Público para amosar o total rexeitamento ao anteproxecto da Lei de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) proposta polo ministro de Educación, José Ignacio Wert.

  A mobilización, desenvolvida diante do instituto Sofía Casanova, enmarcouse na xornada de protestas desenvolvidas a nivel estatal para esixir a retirada do terceiro documento que sobre a nova reforma o ministro Wert presentou hai uns días no marco da Conferencia Sectorial de Educación.
 
Unha proposta na que se manteñen, segundo a devandita plataforma, "aspectos do anterior borrador respecto dunha ESO segregadora, que deprecia a FP, introduce un modelo de avaliación como carreira de obstáculos, implanta a autonomía da competitividade, dá un salto atrás na xestión democrática dos centros educativos, aposta pola escola segregadora e retrocede na educación en valores".
Así se recolle no manifesto elaborado para a xornada de onte pola Plataforma en Defensa do Ensino Público –integrada por CCOO, UGT, CSI-F, Confapa, Sindicato de Estudantes e Escola Viva–, ao que onte deron lectura, nas diferentes cidades galegas, membros da Confederación Gallega de Anpas de Centros Públicos.
A súa presidenta, Elena Gómez, responsable tamén da Federación Provincial de Anpas da Coruña, foi a encargada de facelo en Ferrol, onde, entre outras cuestións, denunciou a "exclusión" que das familias fai a nova reforma educativa a nivel de participación ao desaparecer a súa representatividade no Consello Escolar. "Los padres nos vemos excluidos de la comunidad educativa", comentou onte a presidenta de Confapa, quen ademais lamentou que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, non accedese ata o momento á entrevista solicitada desde a Plataforma para facerlle chegar tanto a el como ao ministro Wert as propostas deste colectivo para garantir unha educación pública de calidade.

"ninguneada"
Iso foi, precisamente, unha da cuestións que onte se defenderon nas diferentes concentracións, unha educación pública que coa actual política estatal se está a ver "ninguneada e falta de recursos", xa que "se está a favorecer claramente á educación dos centros concertados", engadiu Gómez.
Desde a Plataforma instouse ao Ministerio de Educación a facer unha lei que "non sexa dun, senón de todos", referíndose á reforma educativa, que entre outras cuestións propón unha materia alternativa á de Relixión, como "unha reforma ideolóxica e elitista".
 
Diario de Ferrol.-