A Lomce, unha lei educativa "segregadora e clasista"
Actualizado 22 Marzo 2013 -
A reforma educativa impulsada polo Ministro de Educación José Ignacio Wert, a denominada Lei para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce) e que substituirá á actual LOE (aprobada en maio de 2006), topouse coa frontal oposición de gran parte da comunidade educativa. "Non hai ningún sindicato que amosara o apoio á lei, que tampouco ten o apoio dous pais. O único que a apoia é o PP, polo que é unha lei de partido, unha contrarreforma ideolóxica que tan só conta co respaldo da Conferencia Episcopal e da patronal do ensino privado".
Así o asegurou onte a responsable da área Pública de Ensino de CCOO, José Fortes, quen tomou parte nunha charla coloquio celebrada onte, baixo a organización do mencionado sindicato -foi convocada pola Plataforma en Defensa do Ensino Público- no IES Concepción Arenal. Xunto a Fortes tamén interviron o responsable de ensino público de FETE-UXT, Raúl Gómez; a presidenta de Confapa Galicia, Helena Gómez; e o representante do Sindicato de Estudantes, Marcos Abad.
En declaracións a este xornal, Fortes cualificou a lei como "segregadora, clasista, sexista, centralizadora e privatizadora", atentando, dixo, contra a educación pública e obrigando aos mozos a tomar decisións a idades moi temperás. Trátase dunha norma, dixo, que "vai configurar unha rede de centros que segregan por sexo con fondos públicos" e que diminúe a competencia das comunidades autónomas na definición dos contidos. Nos mesmos termos expresouse Marcos Abad, quen destacou o efecto que as mobilizacións emprendidas polos estudantes, a través da convocatoria de dúas folgas desde outubro pasado, tiveron á hora de atrasar a aplicación dunha lei que, a diferenza do que se empeña en defender o goberno, non conta co consenso da comunidade educativa, sinalou.