PRESENTACIÓN E METODOLOXÍA DO ENCONTRO
Os ENCONTROS DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL GALEGO son unha iniciativa singular de Nova Escola Galega que comeza en 2006, ano a partir do cal se teñen desenvolvido nove edicións, que retoman a xeira doutros catro Encontros realizados nos últimos anos oitenta.
Estes foros interdisciplinares pretenden achegarlle ao profesorado, á comunidade educativa e á sociedade no seu conxunto reflexións sobre a historia, a actualidade e o futuro do medio rural galego, con especial atención ao papel que neste medio desenvolven a cultura e a educación, ben desde a propia institución escolar ou ben desde outras iniciativas de carácter socioeducativo e/ou comunitario promovidas por entidades diversas e asociacións do eido cultural. Desde os seus principios esta actividade procurou servir de espazo de encontro e confluencia de diferentes profesionais e colectivos galegos (sobre todo locais) e de fóra de Galiza, para dar a coñecer e impulsar accións a prol dun futuro sustentable para o medio rural, horizonte no que o papel da cultura e da educación adquire unha importancia estratéxica, tal e como afirman distintos organismos internacionais.
A escola rural, se está inserida no seu medio e é permeable á cultura comunitaria, pode ser entendida como un laboratorio pedagóxico capaz de promover experiencias de alto valor profesional para as e os docentes e moi valiosas para as comunidades onde se asenta.
No pasado, a escola rural foi entre nós na maior parte dos casos un instrumento de destrución cultural e social e só en escasas ocasións puido ser valorada como referente cultural –ás veces, o único– de primeira magnitude. Cando isto aconteceu púidose falar de escolas comunitarias, xermolo posible do que hoxe se considera un dos patróns pedagóxicos máis ricos: as denominadas "comunidades de aprendizaxe".
Estas experiencias contan coa potencia pedagóxica da propia veciñanza e contribúen á consecución de aprendizaxes significativas e de vivencias que axudan ao desenvolvemento integral das persoas en formación; son experiencias que desenvolven, da man da cultura e nos nosos particulares territorios de convivencia, verdadeiros espazos para a formación permanente ao longo da vida.
Nesta liña de traballo atópase a comunidade veciñal de Sedes, que tenta funcionar coma unha comunidade educativa considerando a toda a veciñanza como suxeito e destinatario da acción socioeducativa.
A elección de Aldea Nova como sede deste X Encontro, que nesta ocasión levará por título
NA PROCURA DUN PLAN DE EDUCACIÓN ESPECÍFICO PARA O RURAL;
pretende poñer en valor o proxecto de desenvolvemento rural no que se inspirou e, ao tempo, ofrecerlle o apoio da comunidade de educadores e educadoras rurais e persoas e colectivos defensores do rural de toda Galiza. Tamén queremos reflexionar acerca da necesidade de proxectos de escolarización específicos para o rural, a partir dun modelo de escola integrada no medio, na comunidade local e na cultura rural: como é sabido todo proceso de desenvolvemento sociocultural e educativo necesariamente debe poñer o acento na dimensión comunitaria, e moi especialmente cando se contextualiza no medio rural. O concello de Narón pon en funcionamento nos anos 2007-2008 o parque temático do mundo rural "Aldea Nova", un proxecto de desenvolvemento rural non produtivo, coa finalidade de que servira de impulso para formar, promover e dinamizar as zonas rurais achegadas ás zonas urbáns, cun obxectivo educacional e socioeconómico.
Neste senso vai tamén a proposta de retomar a pedagoxía Freinet, polo seu potencial como modelo educativo ben diferenciado e pola súa validez no actual contexto educativo en ámbitos rurais.
A actividade do Encontro realizarase en horario intensivo o venres 31 de marzo (pola tarde), o sábado 1 (todo o día) e o domingo 2 (só de mañá) de abril de 2017, e ao longo de todas esas horas de convivencia desenvolveranse diferentes propostas formativas (relatorios, mesas abertas, experiencias e boas prácticas educativo-rurais etc.) co seu correspondente espazo de debate e reflexión pedagóxica, pero tamén haberá tempo para analizar a importancia das relacións sociais nun contexto de despoboamento, poñer de manifesto as potencialidades económicas do rural a partir da experiencia de proxectos reais en funcionamento, debater sobre a necesidade de que o profesorado que traballa no medio rural conte cunha formación inicial e continua especializadas nese eido, así como gozar da cultura rural galega a través dalgunhas das súas variadas manifestacións: música da terra e baile, recital de poesía musicada, teatro comunitario, itinerarios e obradoiros didácticos e unha exposición de fotografías antigas e diversos obxectos etnográficos locais.
O grupo de educación no rural de NEG convoca pois a profesionais e estudantes dos eidos da educación ou o desenvolvemento rural, familias, ANPAS e calquera persoa preocupada polo futuro do medio rural, a participar nestas xornadas de análise, reflexión e convivencia.
OBXECTIVOS DO ENCONTRO
Constituírse como punto de encontro de todas aquelas persoas interesadas polo presente e polo futuro do medio rural galego e da súa educación.
Ofrecer alternativas de creación cultural, desenvolvemento comunitario, didáctica escolar e planificación educativa, centradas no medio rural.
Presentar o proxecto de desenvolvemento rural de Aldea Nova como referente sociocomunitario e socioeducativo dentro das zonas galegas próximas á unha cidade.
Configurar un grupo de acción, que coordine e integre iniciativas xa impulsadas por outros colectivos, que se mobilice e demande da administración autonómica unha mellor atención e coidado da educación na zona rural.
Análise da situación da escola no medio rural e procura de alternativas encamiñadas á elaboración dun plan específico de educación no rural.
Poñer en valor o potencial da pedagoxía Freinet na procura doutros modelos educativos, adaptados a contextos rurais.
Máis información Doc. AXUNTO.-
Saúdos
- Anpa .-