FOLGA ENSINO
9 de MARZO-2017
XORNADA DE FOLGA NO ENSINO
A totalidade da comunidade educativa
do Estado convocou, para o vindeiro xoves
día nove de marzo e en todos os niveis educativos do ensino, unha nova
xornada de folga contra a LOMCE. Esta convocatoria vai dirixida á docentes, nais/pais e alumnas/os.
Dende esta Federación de ANPAs, e por
medio deste escrito, pretendemos expoñer brevemente cales son as razóns que
xustifican a necesidade desta nova convocatoria de folga, mais aínda cando se
están a escoitar voces desmobilizadoras que pretenden facernos crer que xa todo
esta solucionado.
Aínda a risco de ser repetitivos,
pensamos que é importante facer un pequeno análise recordando o que é a LOMCE o que, ao noso
entender, representa e as consecuencias que traerá sobre as nosas fillas e
fillos. Primeiramente debemos ter claro que se lle chama LOMCE a unha Lei
Orgánica auto-nomeada de “Mellora da Calidade Educativa”, lei que se aprobou no
ano 2013 para MODIFICAR a LOE (Lei Orgánica 2/2006 de Educación) que aínda
é a lei vixente en materia educativa en España. Polo tanto o que fixo a
LOMCE foi modificar un importante número de artigos da LOE co obxectivo final
de establecer un determinado modelo
educativo, destacamos o tantas veces dito pero que nos parece
fundamental ter claro: A LOMCE elimina as competencias decisorias dos Consellos
Escolares e os converte en meros órganos de consulta e, ademais, establece un
procedemento de selección de directoras/es no que a decisión final resérvase para
a Administración educativa, por iso dicimos que é unha Lei ANTIDEMOCRÁTICA; a LOMCE eliminou do currículo a “educación
para a cidadanía” e estableceu como materia curricular, mesmo no bacharelato, a
“relixión católica”, ademais reduciu drasticamente horas curriculares nas
“ciencias sociais” (historia, filosofía, etc...) e nas “materias artísticas”,
por iso dicimos que é unha Lei IDEOLÓXIZADA;
a LOMCE potencia a educación concertada e permite a educación “diferenciada
por sexos”, o que vulnera gravemente o dereito fundamental á igualdade
consagrado na Constitución Española, por iso dicimos que é unha Lei SEGREGADORA; a LOMCE eliminou as
“adaptacións curriculares” do modelo educativo, ferramenta fundamental para a
inclusión educativa, establecendo os chamados “programas de mellora” e creando
itinerarios temperás, onde alumnado moi xove (13 ou 14 anos) ten que decidir se
vai a optar á liña da “excelencia” ou a liña da “formación profesional”,
ademais todo isto acompañado dun escandaloso recorte nos recursos educativos de
apoio, por iso dicimos que é unha Lei EXCLUINTE;
a LOMCE reserva para o Estado a maioría da programación educativa, invadindo
claramente as competencias autonómicas en materia curricular, por iso dicimos
que é unha Lei CENTRALIZADORA.
Como se pode observar con todo isto temos
razóns abondas para rexeitar a LOMCE e aínda non se falou das famosas “reválidas”. As “probas finais de
avaliación”, como a Lei chama ás reválidas, teñan ou non “efectos académicos” estrutúranse como unha
ferramenta fundamental para implementar o modelo educativo deseñado pola LOMCE.
Isto é así por ser probas deseñadas polo Goberno central, avaliadas por axentes
externos e que terán repercusións nos centros educativos ao establecer ránkings
de centros e criterios para a dotación dos recursos, resulta que a mellores
resultados, maiores recursos. Xa sabemos que estas probas avalían o nivel de
memorización acadado polas alumnas/os dos contidos curriculares establecidos
pola LOMCE, os centros non terán mais opción que cinguirse ao currículo LOMCE,
o que liquidará a capacidade de establecer os seus proxectos educativos e, polo
tanto, liquídase a autonomía docente dos
centros e a atención á diversidade.
As consecuencias da implantación da LOMCE
son claras, o establecemento final dun MODELO
EDUCATIVO NEOLIBERAL que pretende formar a unha maioría social como
traballadoras/es e consumidoras/es, con escasa formación persoal e cultural e
cunha clara formación técnica moi especializada, maioría social que servirá a
un mercado laboral completamente liberalizado como “man de obra barata”.
Doutra banda permitirá a unha elite social, que dispón de grandes recursos,
formar ás súas fillas e fillos na chamada “educación da excelencia” para
continuar sendo elite.
É
ESTE O MODELO EDUCATIVO QUE QUEREMOS PARA AS NOSAS FILLAS E FILLOS?
Porqué é necesario que a comunidade
educativa continúe mobilizándose? Como ben recordaredes, na campaña electoral TODOS os partidos políticos,
excepto o Partido Popular, PROMETERON
DERROGAR A LOMCE canto houbera unha maioría parlamentaria alternativa
no Parlamento Español. Hoxe existe esa maioría parlamentaria alternativa, mais a LOMCE continúa VIXENTE e as
nosas fillas e fillos xa están sufrindo as perniciosas consecuencias desta lei
antidemocrática.
Que é o que realmente se fixo no
Parlamento Español? Pois no Parlamento, de momento, non se fixo NADA. O Goberno aprobou o día 9
de decembro pasado un Real Decreto Lei por motivos de urxencia. Esta norma NON pode derrogar a LOMCE e,
exclusivamente, “paraliza o calendarios de implantación das reválidas” eliminando
os efectos académicos ate que se aprobe o “pacto pola educación” asinado
entre “PP” e “Ciudadanos” ao que, agora, sumouse o “PSOE”. Consecuentemente con
isto as reválidas de 3º e 6º de primaria e a de 4º da ESO continuarán
facéndose, é certo que de momento de xeito “censal”, pero como ninguén sabe a
que centro lle tocará a “lotería” da proba e todos necesitamos ter bos
resultados, pois seremos obedientes e aplicaremos a LOMCE sen chistar, non vaia
a ser o demo!
QUE
É O QUE DEMANDA A MAIORÍA DA COMUNIDADE EDUCATIVA?:
ESIXIMOS que se cumpran as promesas
electorais e SE DERROGUE
INMEDIATAMENTE A LOMCE. Para iso non hai mais que restablecer a LOE coa redacción anterior a aprobación da
LOMCE, recordaredes que a lei educativa vixente e a LOE.
ESIXIMOS que en todo o Estado se
constitúan as mesas de traballo necesarias para que estean presentes a totalidade das organizacións que representan ao conxunto
da comunidade educativa (docentes, alumnas/os, nais/pais, expertos,
administración, partidos políticos, etc..,). Non queremos un “seudo” pacto pola
educación entre os de sempre, e que ao final non se mude nada.
ESIXIMOS que esas mesas de traballo,
na que todas/os estaremos representadas/os, e no tempo que sexa necesario, elaboren
o tan desexado por todas/os MODELO
EDUCATIVO DE CONSENSO.
NON a LOMCE !!
NON aos RECORTES !!
NOVA LEI EDUCACIÓN !!
- Directiva .-
No hay comentarios:
Publicar un comentario