A Lomce permite aos directores
elixir a parte do profesorado
Autorízaos a rexeitar interinos se o centro fai
programas de calidade
Escrito por:
Santiago / La Voz 08 de abril de 2014
Entre os cambios que incorpora a Lomce en canto a materias, probas de avaliación, itinerarios formativos e autonomía dos centros inclúese un que afecta á capacidade de decisión dos directores e que non convenceu en absoluto aos sindicatos: a competencia para elixir a parte da plantilla de docentes.
A nova lei do PP quere fomentar a calidade dos centros educativos, e para iso reforzarase a autonomía e potenciarase a función do director. Colexios e institutos poderán participar en programas de calidade, e para levar a cabo estas accións, «o director disporá de autonomía para adaptar os recursos humanos ás necesidades derivadas dos mesmos», recolle o texto da lei.
Na práctica, o que se permite é que o responsable do centro estableza requisitos e méritos para os postos que se oferten tanto de funcionario docente como de interino. Ademais, poderase rexeitar ao profesional que se remita das listas de interinos a principios de curso, sempre que sexa de forma motivada e conte co respaldo da Administración.
Agora mesmo, por exemplo, ao existir as seccións bilingües, xa hai prazas vacantes, por exemplo da materia de Coñecemento do Medio, para as que se esixe profesorado con dominio de idiomas, pero o cambio supón perfilar máis estas vacantes e rexeitar aqueles candidatos que non cumpran coas condicións marcadas. Ademais, permitirase ao director, se existe unha vacante que está a ser ocupada por un interino ou un funcionario en comisión de servizos, prorrogar este nomeamento se se xustifica a importancia de que continúe no posto para desenvolver o proxecto educativo do centro e para garantir a súa calidade.
En Galicia haberá oposición
A Xunta debe desenvolver normativamente este apartado e non o terá fácil cos sindicatos. O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, aseguraba tallantemente que «vaino ter difícil se quere dar esa potestade aos directores porque terá un rexeitamento moi grande». De facelo, Louzao xa apunta directamente aos responsables de colexios e institutos, a quen recomenda non facer uso desta potestade, ou simplemente non incorporarse aos programas de calidade, «que son programas de competencia entre uns centros e outros».
O que xa adaptou o Goberno galego ás directrices da Lomce é a elección dos directores dos centros educativos, que a partir de agora queda en mans da Administración.
Coa anterior normativa a maioría dos membros da comisión estaban elixidos polo claustro de profesores e o consello escolar, mentres que coa nova norma a xefatura territorial, é dicir, a Administración, será a encargada de designar a catro dos sete membros da comisión, o que deixa en minoría á comunidade escolar do centro. Para evitar que se designe a directores que non contan co apoio de profesores, alumnos e pais, os sindicatos xa solicitaron aos docentes que opten a este cargo que antes de presentarse busquen o aval da comunidade educativa, e en caso de haber dúas alternativas realicen unha especie de primarias nos centros.
Adelino Pouse:
«É unha responsabilidade a maiores, pero como
directores non o vemos mal»
Adelino Pouse acaba de coller a substitución á fronte da Asociación de Directores e Directivos de Institutos de Galicia, e asegura que a capacidade para perfilar as prazas vacantes de cara á elección do profesorado «é unha responsabilidade a maiores». No entanto, non é unha medida que rexeite.
«Como directores non o vemos mal, é unha das cousas que de feito nós tiñamos pensado. Xa comentamos este aspecto, pero o certo é que é unha responsabilidade a maiores», explica Pouse Reino.
O director do IES Xulián Magariños, de Negreira, explica que todo o claustro de profesores debe referendar o proxecto educativo «polo que é lóxico que un profesor que chega tamén se comprometa con este proxecto». Tampouco ve factible que poida perfilarse ao detalle a praza solicitada polo centro -co que se correría o risco de poder nomear practicamente a dedo ao persoal interino-, senón que cre que as características que deben incluírse neste perfil limítanse «a que controle as liñas básicas que se van desenvolver, tendo en conta se é un proxecto de convivencia, de novas tecnoloxías...».
Outro dos aspectos rechamantes que destaca Pouse é que os directores deberán facer un informe, finalizado o curso, sobre o traballo do profesor interino no centro, «pero está claro que haberá que consultar tanto ao claustro de profesores como ao departamento no que traballou o docente», conclúe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario