copago na educación:
Os pais, indignados: «As familias ímolo sufrir»
Algúns pais con fillos en centros públicos
xa pagan 80 euros ao mes.
Indignación e enfado. Eran onte os dous sentimentos máis comúns entre os pais de alumnos do colexio de infantil e primaria das Mercedes, en pleno centro da capital ourensá, ao ser preguntados pola súa opinión sobre a decisión da Xunta de subir os prezos dos comedores, un servizo que para moitos deles é esencial.
«Sempre estamos os mesmos pagando a crise», aseguraba Casiano Vázquez, que cre que as institucións nunca deberían buscar o aforro en asuntos como o da educación. «As familias ímolo sufrir moito», advirte. Na mesma liña, Reyes García, lamenta que un servizo polo que ela xa paga mensualmente 80 euros, poida volver incrementarse de cara ao novo curso. Critica, así mesmo, que existan diferenzas entre uns centros e outros. «Hai comedores que están subvencionados pola Xunta e outros non. De feito neste, que non ten nin cociña, os nenos teñen un servizo de cátering e estamos a pagar bastante diñeiro ao mes por cada un dos nosos fillos», explica, constatando o esforzo que iso pode supor: «Se tes dous fillos é moito diñeiro e iso, ao final, vai limitar o poder conciliar a vida laboral coa familiar. Paréceme que se hai diñeiro para outras cousas, debería tamén habelo para asegurar a educación dos nosos fillos e o futuro deste país e, sobre todo, para axudar ás familias para que as cousas sexan máis levadías».
«É un custo inasumible»
Quen tivo que redobrar esforzos para conciliar vida laboral e familiar é outra nai que onte, ás dúas da tarde, acudía ao centro para recoller á súa filla. Durante anos utilizou o servizo de comedor pero a última subida de prezos fíxoa desistir. «Eu deixei de utilizalo porque xa o ano pasado subiron os prezos. Tes dous fillos e chega un momento no que é un custo inasumible, no que xa non se pode. Agora teño que vir correndo do traballo para recollelos e darlles a comida en casa. É inxusto todo isto, sobre todo coa que está a caer. Imaxínome que o que queren é terminar cos comedores, para non ter que dar o servizo», afirma.
Por contra, no outro extremo de Galicia, os alumnos do colexio Eugenio López de Cee (A Coruña) onte volveron gozar do servizo de comedor tal como fan cada día, totalmente alleos ás posibles reformas que pretende introducir a Administración. Nin sequera o director, Manuel Canosa, ten outros detalles respecto diso «máis que o que saíu na Voz».
Control de provedores -
O seu é un centro no que o asunto das comidas marcha sen problemas co actual sistema. Teñen moitos anos de experiencia na súa xestión e incluso pechan o ano con superávit. «O que nos dá a Xunta para comedor, que leva incluídos os produtos de limpeza, menaxe e todo iso chéganos sen problema. Nós o que facemos é controlar os prezos dos provedores e esixirlles que traian produtos de calidade», engade Canosa, que ve como xantan no centro cada día 280 dos 405 alumnos, de entre 3 e 12 anos.
Os menús, que reciben os pais a principio de cada mes inclúen unha proporción equilibrada de todos os grupos de alimentos e sábeno ben os escolares, aos que se lles pode pasar por alto a quenda das lentellas pero recordan perfectamente as veces que toca pizza e, sobre todo, os días que, como esta semana, hai xeado de sobremesa.
Os alumnos de quinto e sexto encárganse do servizo xunto a algunhas nais que do mesmo xeito que o resto está encantadas co comedor que teñen e non queren perdelo, como explica a presidenta do ANPA, Montse Canosa. «Podemos dicir que é excelente. De feito non hai máis nenos porque non dan as prazas. Esperemos que isto só sexa un globo sonda para ver como reacciona a xente», asegura Canosa que confía en que Educación dea marcha atrás coas subidas porque poderían afectar especialmente a quen teñen varios fillos. «Non sabemos o que vai pasar, pero imaxino que se isto segue así, haberá mobilizacións e nós estaremos aí para apoiar no que se poida», conclúe a presidenta do ANPA.
La Voz de Galicia.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario