FERROL
Centenares de persoas protestan en Ferrol contra os recortes en educación.
Defender un ensino público de calidade e condenar as políticas austeras en materia de docencia do Goberno do Partido Popular, principais obxectivos da manifestación.
Jose Pardo
Varias centenas de manifestantes marcharon hoxe polas rúas do centro de Ferrol para protestar contra os recortes do Partido Popular en materia de educación. A gran maioría eran novos alumnos que, convocados polo Sindicato de Estudantes de Ferrolterra, partiron ás 12 da mañá desde o edificio administrativo da Xunta, entre pancartas reivindicativas e berros contra o Goberno. "Se os cartos son públicos, o ensino tamén", e "Menos represión e máis educación. "En defensa do ensino público" eran algunhas das consignas que se podían ler. Tamén houbo cánticos como "non nos resignamos, imos loitar".
Paralelamente, desde o monumento ao 10 de marzo, saíu outro grupo de manifestantes máis reducido, algo menos de cen persoas. Esta vez os convocantes eran as mocidades de Galiza Nova. "Queremos mobilizarnos en contra dos recortes continuos que está a promover o PP, tanto no Goberno central como no da Xunta", dicía Néstor Fernández, responsable comarcal de Galiza Nova en Ferrolterra.
Estas manifestacións enmárcanse dentro das 72 horas de folga estudantil que hai convocadas, a nivel nacional, nos ensinos de ESO e Bacharelato.
Mañá é o último día de inactividade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario