sábado, 5 de mayo de 2012

Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.-

As Anpas de Ferrolterra chaman á unidade na acción social contra os recortes en educación.
Sábado, 05 de Maio de 2012.
redacción > ferrol .

A Federación de Anpas de colexios públicos de Ferrolterra celebrou o pasado xoves unha asemblea xeral extraordinaria na que se ratificou a incorporación da asociación á Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, constituída o pasado día 25 de abril e integrada por Anpas de diferentes zonas galegas (Ferrolterra, Compostela e Lugo); os sindicatos CIG-Ensino e STEG; os movementos de renovación pedagóxica AS-PG e Nova Escola Galega; organizacións estudantís como os Comités e a Liga de Estudantes, así como o BNG e Galiza Nova.
A mencionada plataforma xurdiu co obxectivo de mostrar o rexeitamento da comunidade educativa galega ás medidas anunciadas polo ministro de Educación, José Ignacio Wert, e recollidas nun decreto lei, entre as que se contemplan o aumento das horas lectivas do profesorado, da cociente de alumnos por aula ou o incremento das taxas universitarias, entre outras. O pasado xoves, tamén se presentaba en Santiago de Compostela outra plataforma en contra dos recortes do goberno de Rajoy en materia educativa, aínda que neste caso integrada por CCOO-Ensino, FETE-UXT, diversas organizacións estudantís como Iesga e o Sindicato de Estudantes e a Confapa. Neste caso, a primeira das súas accións será unha xornada de loita o próximo día 10 coincidindo coa folga convocada en toda España polos estudantes de ensino medio e universitaria.
Javier Sánchez, presidente da Federación de Anpas de Ferrolterra, manifestou onte que nesta zona a asociación que preside intentará falar con todos os sindicatos e organizacións en busca da unidade total á hora de facer fronte ao que consideran é un ataque total á educación pública.
Sánchez asegurou que a Federación súmase ao rexeitamento xeneralizado expresado por toda a comunidade educativa galega ás medidas de Wert, aínda que puntualizou que eles non foron convocados formalmente á constitución da plataforma na que está a Confapa (Confederación de Asociacións de pais de alumnos).

Mobilizacións .-
 Como integrantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, a Feanpas de Ferrolterra convocou unha concentración para o vindeiro martes día 8, a partir das 19.30 horas, diante do edificio administrativo da Xunta, na praza de España. Tamén manifestaron o seu apoio á folga estudantil do día 10. A partir do 14 iniciarán peches rotativos nos centros e o 3 de xuño secundarán a manifestación en Santiago contra os recortes en educación e sanidade.


Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: