miércoles, 9 de noviembre de 2011

Xuntanza DIRECCIÓN e ANPA do I.E.S Sofía Casanova.-


A directiva da ANPA do IES Sofía Casanova avalía as necesidades coa dirección

Diario de Ferrol-2011-11-09-010-84925564
 
redacción > ferrol
  A nova directiva da ANPA do IES Sofía Casanova, constituida hai apenas un mes e logo de varios anos sen contar con esta representación no centro, reuniuse onte coa dirección do instituto, encabezada por Juan Rodríguez Silvar, para intercambiar informacións e avaliar as necesidades educativas do alumnado.
A relación do plantel de profesorado ou as necesidades de apoio especiais  das que hai que dispor para ofrecer un ensino de calidade foron algunhas das cuestións que se puxeron sobre a mesa. A ANPA interesouse así mesmo polo estado das infraestruturas, solicitando os informes necesarios para analizar a situación actual das mesmas. Neste sentido, anunciaron tamén o compromiso da Asociación de Nais e Pais de Alumnos de ofertar varias actividades culturais e deportivas como complemento da educación do alumnado para o cal agardan a colaboración de toda a comunidade educativa.

Por outra banda, a ANPA amosouse en certo modo sorprendida polo “repentino interese” da Xunta de Galicia polas cafeterías escolares, “polo que sospeitamos que fará as concesións de forma discrecional”, explicaron. A posibilidade de pedir o compromiso da Administración autonómica para a instalación de taquillas  no instituto, que este ano viu incrementado o seu número de alumnos polos cambios executados pola Consellería de Educación na área da Formación Profesional, é outra das propostas dunha ANPA moi preocupada tamén pola sinalización no entorno no que está ubicado este e outros centros, como o CIFP Ferrolterra ou o CEIP Recimil. “Falta sinalización escolar, e fai falta unha máis clara e eficaz para unha maior protección dos nenos”, denunciaron, polo que van pedir a intervención do Concello ferrolán para conseguir este obxectivo.
 A xunta directiva da recén creada ANPA está constituida por María Carmen Díaz Corral (presidenta); José Manuel Esteban Acebo (vicepresidente); Xosé Manuel Sanxoán (secretario); Montserrat Moreda (tesoureira); África García e Mónica García (vogais).

Diario de Ferrol

No hay comentarios: