Os alumnos elixirán a vindeira semana aos seus
representantes no Consello Escolar Municipal
O Consello Escolar Municipal do Concello de Ferrol dará a vindeira semana un novo paso de cara a súa constitución coa celebración dunha reunión no Concello pola que os representantes dos alumnos dos diferentes institutos da cidade elixirián aos catro membros que formarán parte deste órgano de consulta. Desde o propio goberno local informouse onte que a maioría dos centros de Educación Secundaria xa responderon coas súas propostas ás cartas remitidas desde a área de Educación para decidir o nome dos seus representantes.
Así mesmo, o executivo ferrolán levará ao pleno de fin de mes, para a súa aprobación, a composición das dez persoas designadas polo Concello para formar parte do Consello Escolar, e da que xa se informou na comisión do pasado 28 de outubro.
Así, ademais de catro concelleiros (un por partido político –Susana Martínez Galdós (PP), María López (PSOE), Javier Galán (EU) e Mercedes Tobío (BNG)– xa que Juan Fernández, de IF, renunciou), haberá un representante das Asociacións de Veciños, dous directores de colexios públicos (un de Primaria e outro de Secundaria), un director de colexios concertados, un representante do Centro de Formación e Recursos (CFR) e un representante das asociacións de renovación pedagóxica.
Completarán o devandito órgano de consulta o presidente –que pode ser o alcalde ou a concelleira de Educación–, dez profesores, seis membros das Anpas e catro alumnos, o que suma un total de 31 persoas.
Sofía Casanova .-
Por outra banda, a ANPA do IES Sofía Casanova de Ferrol rexistrou un escrito dirixido ao alcalde para presentar a candidatura da presidenta desta asociación, María Carmen Díaz Corral para formar parte do Consello Escolar Municipal. “Pedimos a súa admisión por razóns que se deben a un instituto de nivel B debido ao volume do seu alumnado, que na actualidade supera os 600 alumnos”, manifestaron desde a ANPA.
Así mesmo, a entidade amosou o seu apoio á reivindicación deste instituto na necesidade de destinar un especialista en Pedagoxía Terapéutica para atender as necesidades existentes no instituto, e sinalan tamén como un tema a tratar no Consello Escolar Municipal a recuperación de cinco inspectores que antes había nesta zona, e que tralos recortes quedou reducido na actualidade a tres.
Desde esta ANPA tamén solicitan aos membros do devandito órgano consultivo “a súa implicación e compromiso de asistencia para non repetir o escandaloso desinterese amosado por algúns membros de distintas entidades e sindicatos”, criticaron.
Diario de Ferrol.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario