sábado, 22 de octubre de 2011

Concentracion contra os "recortes" da Xunta

 

A Comunidade educativa mobilízase

contra os recortes no ensino público.

 redacción > ferrol
  O calendario de mobilizacións deseñado polas organizacións sindicais en defensa do ensino público galego e en contra dos recortes executados en esta materia polo actual goberno da Xunta de Galicia continuou onte nas principais cidades e vilas da comunidade coa celebración de diferentes concentracións. En Ferrol, a convocatoria, moi concurrida, tivo lugar ás oito da tarde diante do Edificio Administrativo da Xunta, na praza de España.
Alí, profesores, pais e alumnos deixaron sentir o seu malestar polas actuais políticas educativas do goberno autonómico do Partido Popular, con actuacións como o aumento da carga lectiva do profesorado, coa conseguinte redución do número de docentes con respecto ao pasado curso ou os agrupamentos das aulas.
 
A concentración foi convocada na cidade polos sindicatos CIG-Ensino, CCOO, UGT e STEG, e secundada tamén pola Federación de Anpas de centros públicos de Ferrolterra así como por outros colectivos sociais como Fuco Buxán. De feito, desde os diferentes ámbitos salientaron a importancia da implicación de toda a cidadanía á hora de demandar “un ensino público de calidade”. A secretaria comarcal da CIG-Ensino, Antonia Martínez, aseguraba a este xornal que “a situación é moi grave, a máis grave nos últimos 20 ou 30 anos”.


En relación ás políticas da Xunta, afirmou que constitúen “un ataque directo a todos os servizos públicos, nun claro intento de privatización”, sinalando que os máis afectados por estes recortes son, sen dúbida os alumnos.

Tamén desde a área de Ensino de Comisións Obreiras na cidade destacouse a necesidade de defender o ensino público, criticando, entre outras cuestións, o aumento do número de profesorado obrigado a impartir materias das que non son especialistas. “Búscase tamén o diálogo coa Consellería de Educación, xa que o conselleiro está a tomar as decisións de xeito unilateral”, afirmou Emilia Veiga, do devandito sindicato.
 

Pola súa banda, o presidente da Federación de Anpas de colexios públicos de Ferrolterra, Javier Sánchez, lamentou que cos recortes do goberno autonómico afecten, entre outros moitos aspectos, á reducción na atención ao alumnado con necesidades educativas especiais así como á diminución dos reforzos e apoios educativos ou á imposibilidade de atender tarefas tales como a dinamización nas TICs ou a atención ás bibliotecas escolares.
Sánchez destacou o papel que nestas reivindicacións teñen que xogar as familias, “pois se queremos un ensino de calidade, temos que esixir as ferramentas adecuadas para conseguilo, pois do contrario, os que máis prexudicados saen son os nenos, que son o futuro da sociedade”, dixo.

Manifesto -
 
No decurso da concentración de onte, leuse un manifesto, consensuado por todos os sindicatos convocantes, no que se reclamou un cambio da política educativa e da actitude da Consellería, anunciando que “non imos parar de mobilizarnos até conseguir parar esta agresión sen precedentes”.
A imposición do incremento do horario lectivo que se traduciu, entre outras cousas, en que moitos profesores teñan que impartir materias que non son da súa especialidade ou que en toda a comunidade se reduciran máis de mil profesores foron tamén obxecto de crítica.

O calendario de mobilización rematará o vindeiro día 25 cun referendo “para facer visible a opinión do profesorado contra dos recortes, da ampliación do horario lectivo e da imposición de funcións que non lle son propias.

Tamén o vindeiro sábado día 22 terá lugar unha grande manifestación en Madrid. CCOO poñerá autobuses desde A Coruña. Os interesados poderán apuntarse nas unidades comarcais.
 
 
 

No hay comentarios: