-DIA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO-
O manifesto 25 de novembro contra as violencias machistas da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza “PAREMOS O FEMINICIDIO” comeza sinalando que a violencia de xénero é unha práctica que se remonta ao inicio da sociedade patriarcal. Durante séculos as mulleres foron asasinadas baixo o silencio e a complicidade do seu entorno social, as leis, a relixión e a cultura imperante...
Hai 25 anos, no ano 1990, a ONU declarou, por primeira vez, que a violencia contra as mulleres era o crime máis encuberto do mundo. Porén, na nosa sociedade aínda perdura a idea de que a violencia exercida contra a muller, sobre todo se quen a exerce é a súa parella, é un asunto privado.
A violencia considerada como un asunto privado deixou de ser invisible para a sociedade e para as institucións, grazas ao esforzo, á denuncia e a constancia dos movementos de mulleres e do feminismo. Persoas expertas na violencia de xénero afirman que está directamente relacionada co poder e a xerarquía, coas relacións asimétricas de poder entre homes e mulleres.
O manifesto afírmase que estamos vivindo día a día un feminicidio contra o empoderamento feminino. Homes que asasinan as mulleres motivados polo odio, desprezo, pracer ou por un sentimento de propiedade. Homes que a través da violencia tentan impedir a liberdade das mulleres. Feminicidio que a sociedade contempla narcotizada, acostumada aos titulares informativos da aparición doutra muller ”morta” a mans da súa parella ou ex-parella, en vez de falar de asasinatos.
Facemos nosas as expresións de rexeitamento da violencia contra as mulleres, queremos apoiar e alentar a resistencia e a rebeldía para construír un mundo novo, unha vida libre de violencias para as actuais e as futuras xeracións de mulleres.
- Anpas Galegas .-
- Anpa Sofía Casanova.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario