Secundaria abre o novo curso con máis alumnos de FP que nunca
A matrícula destes estudos sobe un 5 % mentres a de Bacharelato baixa un 8.
Escrito por:
m. santalla, s. lorenzo
redacción / a voz 16 de setembro de 2014
Aínda que nalgúns institutos están pendentes de recibir algún profesor para completar o equipo docente, o certo é que o inicio do curso en educación secundaria caracterizouse pola normalidade e a ausencia de incidentes. Onte volvían a clase máis de 200.000 estudantes de ESO, Bacharelato, FP e ensinos de réxime especial para adultos, artísticas e deportivas.
Aínda que a matrícula en Formación Profesional aínda segue aberta, a Consellería de Educación cre que a cifra final de alumnos sumará máis de 53.700, o que significaría un aumento de máis do 5 % con respecto ao curso anterior. A subida, significativa en si mesma, por canto supón cifras históricas de matrícula nos ensinos profesionais, o é aínda máis se se ten en conta que en Bacharelato ocorre todo o contrario, e perde un 8 % de alumnado con respecto ao pasado ano.
En Bacharelato matriculáronse 30.463 estudantes;
Ensino Secundario Obrigatorio (ESO), 88.529;
e en ensinos de réxime especial, 16.287.
Entre as novidades deste curso que onte se iniciou está a posta en marcha da FP básica, unha modalidade que substitúe aos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) e que permitirá aos alumnos obter unha titulación que, a nivel laboral, será equivalente á de ESO, así como acceder aos ciclos medios.
Coincidindo co inicio do curso en secundaria, a Plataforma en Defensa do Ensino Público denunciou onte en rolda de prensa que o curso comeza con 59 docentes menos que o anterior nas aulas de infantil e primaria. Esta asociación, que subliñou a controversia que marca este inicio do ano académico pola implantación da Lomce, precisou que desaparecen 74 unidades neses niveis educativos.
Alertou, ademais, do que considera unha diminución na calidade do sistema público, pola existencia de 1.027 profesores interinos en ESO e de 22 prazas itinerantes.
Neste sentido, os representantes da plataforma apuntaron que a petición da Xunta de elevar a taxa de reposición do 10 % implica un «recoñecemento da súa política errática».
- La Voz de Galicia .-
No hay comentarios:
Publicar un comentario