Sindicato de Estudantes
Desde o Sindicato de Estudantes queremos mostrar o noso agradecemento
ós traballadores de Navantia-Ferrol pola súa decisión de unirse á nosa
manifestación, que agora tamén é súa, do 20 de novembro, en defensa do
ensino público e para esixir a retirada da LOMCE e a dimisión do ministro
Wert.
A LOMCE, contra a que nos levamos mobilizando máis dun ano, pretende degradar
a niveis propios do franquismo o ensino público, unha conquista fundamental para
que os estudantes fillos de traballadores podamos acceder a unha educación de
calidade.
Pero o ataque ó ensino público non é algo separado do resto de ataques do PP. A
LOMCE forma parte do plan da dereita para demoler todos os dereitos conquistados
pola loita do movemento obreiro durante décadas. En dous anos de goberno, o PP
atacou a sanidade, os dereitos dos traballadores, subiu impostos..., e todo cun único
obxectivo: roubar os pobres para dárllelo ós ricos (banqueiros e empresarios). Non
hai cartos para a clase obreira porque hai que "rescatar" a banqueiros e demais
capitalistas. Por iso tampocuo hai carga de traballo para Navantia e ameazan con
destruir as condicións laborais que, coa súa loita, conquistaron os traballadores das
antigas Bazán e Astano.
Wert está totalmente desprestixiado. A propia Unión Europea calificou de "lixo" as
súas mentiras. É o momento de continuar loitando para forzar a retirada da LOMCE
ou a dimisión de Wert, o que debilitaría ó goberno do PP, dificultándolle así outros
ataques que están en marcha ou en preparación, como o plan de Navantia.
É o momento de unir forzas. O Sindicato de Estudantes invita a todos os
traballadores da comarca a que o día 20 se unan á manifestación de obreiros e
estudantes, para así, TODOS XUNTOS, golpear con máis forza ó PP.
Dende a súa fundación en 1986, o Sindicato de Estudantes ten berrado moitas
consignas nas nosas manifestacións. Pero hai unha que se berrou, se berra e se
berrará sempre en todas:
¡OBREIROS E ESTUDANTES, UNIDOS E ADIANTE!
E berrámola porque o Sindicato de Estudantes é unha organización de clase: somos
a organización dos fillos dos traballadores. Por iso, ante a ameaza que representan,
para esta comarca, a falta de carga de traballo en Navantia e o plan estratéxico
anunciado para o 4 de decembro, queremos dicirlle ós traballadores do sector naval:
CONTADES CON TODO O NOSO APOIO, ESTAMOS Á VOSA DISPOSICIÓN. O
SINDICATO DE ESTUDANTES VAI ESTAR CON VÓS EN PRIMEIRA LIÑA DA
LOITA EN DEFENSA DO FUTURO DA MOCIDADE DE FERROLTERRA.
Ferrol, 14 de novembro de 2013.
No hay comentarios:
Publicar un comentario