lunes, 14 de octubre de 2013

CLUB DE LECTURA.-


 

NOME DO CLUB DE LECTURA :  CLUB DE LECTURA SOFÍA CASANOVA

 

BREVE HISTORIA:  O noso centro xa leva tres cursos participando na convocatoria de Clubs de Lectura con grande implicación de profesorado e alumnado. No primeiro curso tivemos cinco Clubs de Lectura temáticos que se reunificaron en catro ao seguinte e a un o pasado curso. Este ano imos ampliala oferta co Club de Lectura de Adultos.

FINALIDADES E A SÚA RELACIÓN CO PROXECTO LECTOR DE CENTRO E A BIBLIOTECA ESCOLAR:

O Club de Lectura naceu dende o primeiro momento como unha actividade máis do Proxecto Lector do Centro

As finalidades do noso Club de Lectura seguen a ser as mencionadas no proxecto dos cursos anteriores:

-                     Fomentar o pracer pola lectura en rapaces que xa teñen o hábito lector.

-                     Achegar á lectura a aqueles que non o teñen.

-                     Desenvolver lazos de amizade que teñan como base a común afección polos libros.

-                     Valorar as recomendacións dos rapaces fóra dos libros de lectura fixados no ámbito académico.

-                     Promover condutas de respecto ás normas de discusión e debate (quendas de palabra, crítica educada, aceptación da diversidade de pareceres…)

-                     Crear unha listaxe de libros favoritos e/ou imprescindibles e preocuparse de que sexan adquiridos para a biblioteca.

-                     Comentar e recomendar lecturas de especial interese e actualidade.

-                     Posibilitar encontros con autores de literatura xuvenil.

-                     Propoñer saídas culturais relacionadas con roteiros literarios.

ACTIVIDADES PREVISTAS:


A principal novidade deste curso é o nacemento dunha nova sección, o Club de Lectura de Adultos do Sofía que xa ten data de comezo, o 29 de outubro. Contamos con fixar o seu calendario nesta primeira xuntanza, e propoñemos que teña lugar cada último martes de cada mes. Respecto ao Club de Lectura xuvenil, botará a andar o vindeiro, 8 de outubro, e pensamos realizar as seguintes actividades:


-                     Presentación: Retomaremos o contacto tralo paréntese do verán, daremos a coñecer a experiencia dos cursos anteriores, tratando de volver a animar aos participantes veteranos e de enganchar aos novos alumnos. Incidiremos, como sempre, en que é unha actividade ao marxe das clases de linguas, que é totalmente voluntaria e que non conta para nota.

-                      Inicio: Acordaremos un calendario de reunións e un listado posible de lecturas, tendo en conta os alumnos apuntados, a súa idade, os seus gustos, a súa dispoñibilidade horaria, etc. Tamén contaremos cos libros que poden prestarnos os centros que xa teñen o seus Clubs de Lectura: IES de Fene, IES de Neda, IES de Catabois, e outros fondos ofrecidos polo banco de libros da xunta no seu blogue: http://librosaeito. blogspot.com.

-                     Encontro con algún escritor: Pretendemos organizar encontros con escritores, o que prepararemos con lecturas e exposicións dos seus libros. Xa temos contactado co Marcos Calveiro para que veña falar do seu libro: O pintor do sombreiro de malvas.

-                     Ler aos nosos maiores: Queremos iniciar una actividade que consiste en ler as persoas maiores da veciña residencia: "Abrente".

-                     Excursión de fin de curso: Gustaríanos organizar por primeira vez unha saída que estea relacionada coa lectura dun libro.

-                     Festa de despedida na biblioteca: Xa é tradicional a nostra Festa das Tartas Literarias ao final do curso. Aproveitaremos para facer o préstamo de verán.

COMPOSICIÓN E NÚMERO DE PARTICIPANTES APROXIMADO. IMPLICACIÓN DOUTRO PROFESORADO DO CENTRO.

Dinamizadores: Esperamos contar, polo menos, cos mesmos dinamizadores do pasado curso: Cristina, Ana, Dani, Laura, Emilio e Pilar.

Alumnos: Tamén esperamos contar con moitos alumnos interesados e chegar, como o ano pasado, aos 40 de todos os cursos. 

FORMA DE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO: Seguiremos co formato do pasado ano que nos deu moito xogo. Cada mes propoñerase un libro para a súa lectura conxunta. O moderador será un ou dous alumnos cada sesión, de forma que moitos teñan a oportunidade de traballar as presentacións. Así se fomentará a participación e implicación dos rapaces para que aporten as súas opinións, suxestións, recomendacións de lectura. Ademais elixiremos un encargado de subir ao blog as conclusións de cada sesión.

HORARIO E CALENDARIO PREVISTO PARA AS REUNIÓNS DE CARÁCTER PRESENCIAL: Seguiremos co mesmo, os martes a medio día, logo de xantar. Como fixemos outros cursos, cando veña algún escritor reunirémonos segundo a súa axenda.

MEDIOS PREVISTOS PARA A SÚA DIFUSIÓN ENTRE A COMUNIDADE EDUCATIVA: Aparte de "o boca a boca", entre os membros do club, do noso taboleiro de anuncios, dispoñemos do noso blog: http://bibliotecasofia.blogspot.com, da páxina web do centro: www.ies.sofiacasanova@edu.xunta.es, e da nosa revista Planeta Lingua. Contamos coa implicación do ANPA-Sofía Casanova que informará a toda a comunidade educativa.
 
    IES. Sofía Casanova.-
    Consello Escolar.-

 

No hay comentarios: