A comunidade educativa está chamada a secundar hoxe
a folga xeral en contra dos recortes
O ensino público, en todos os seus niveis –desde Infantil ata a etapa universitaria– está chamado a secundar hoxe a convocatoria de folga xeral prevista en todo o territorio español e que na comunidade galega convocan os sindicatos CCOO, CSIF e ANPE, así como o Sindicato de Estudantes, a Confapa (Confederación de asociacións de pais de alumnos) e Iesga (Iniciativa Estudiantil Galega) –membros todos eles da Plataforma en Defensa do Ensino Público–, segundo se informou onte desde Comisións Obreiras.
Todas fixeron un chamamento á participación nunha xornada reivindicativa para amosar o total rexeitamento aos recortes educativos aprobados polo goberno de Mariano Rajoy co propósito de reducir o gasto público neste ámbito. Medidas recollidas nun decreto e entre as que figuran o aumento do número de alumnos por aula, o incremento da xornada lectiva do profesorado ou das taxas universitarias.
Manifestación.-
Na cidade ferrolá, ademais da propia convocatoria de folga xeral, está prevista para esta tarde, ás oito, unha manifestación que partirá do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, na praza de España –tamén se celebrarán nas outras seis cidades galegas–.
Ademais, onte pola noite –a partir das once– celebrouse no IES Sofía Casanova unha concentración "de loito", tamén dentro das accións promovidas desde a Plataforma do Ensino Público. Desde CCOO denunciouse que os recortes en materia educativa suporán o deterioro da calidade do ensino e cebaranse nos sectores máis desfavorecidos da poboación, o que repercutirá gravemente, din, na igualdade de oportunidades.
Diario de Ferrol.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario